Friday 10 de May de 2024

Avanzan os traballos para mellorar a accesibilidade peonil entre Pedralonga e o colexio Santa María del Mar, coa ampliación da pasarela na avenida da Pasaxe


A pasada noite completouse a instalación da estrutura metálica que facilitará o paso desde a senda do lugar de Pedralonga, adaptándoo ao acceso das persoas con mobilidade reducida

O Concello da Coruña, a través do servizo municipal de Infraestruturas, procedeu este martes á instalación da nova estrutura metálica que amplía a superficie da pasarela que conecta o lugar de Pedralonga coa contorna do centro educativo Santa María del Mar, mellorando a accesibilidade peonil no treito comprendido entre a senda do lugar de Pedralonga e a avenida da Pasaxe.

Ata agora, o acceso peonil entre o carreiro e a beirarrúa esquerda da avenida só estaba habilitado a través dunhas escaleiras, lindeiras á marquesiña de autobús urbano e próximas á pasarela. Por este motivo, e co obxectivo de solventar esta problemática de accesibilidade, formulouse o aproveitamento do noiro situado na parte traseira da marquesiña, onde xa se completaron anteriormente os traballos necesarios de escavación e cimentación, previos á instalación do novo treito de pasarela, de 16,50 metros de longo.

Neste novo treito, que facilitará o acceso directo á pasarela orixinal ás persoas con mobilidade reducida, habilitarase un sistema de protección peonil mediante a disposición de varandas de barras metálicas que, bordeando a superficie de paso, permitirán reforzar a seguridade das persoas usuarias.

Ademais, na zona de acceso dende a senda de Pedralonga ao novo treito da pasarela disporase un pavimento de formigón con baldosa podotáctil, en relevo, para facilitar a orientación das persoas invidentes.